lunes, 16 de junio de 2008

Millo verde




Este é o arrinque argumental de Millo verde, a nova novela de Xosé Fernández Ferreiro. Unha narración que ten un sorprendente e inesperado desenlace, que non mitiga un drama social que se presenta con toda a crueldade e que marca a fogo e para sempre a vida dos personaxes. Novela de enfoque realista, construída minuciosamente como unha narración de intriga, Millo verde engaiola ao lector na esculca da verdade sobre un terrible suceso.

O papel dos medios de comunicación, as investigacións policiais e xudiciais, ou as reaccións da comunidade educativa contrapuntean nesta novela inquedante co sufrimento dunhas víctimas sometidas a aldraxe e a dor do seu inferno. Millo verde constitúe unha valente denuncia da hipocrisía dunha sociedade que procura culpables inmediatos para agachar as súas doenzas máis profundas.
Que papel cres que desempeñan os medios de comunicación na sociedade actual?

Ata onde cres que deberían chegar?



As chamadas perdidas

Queres coñecer o último libro de manolo Rivas?

Como cando as paredes oen aos amantes, Así, máis, máis, máis , estes novos relatos de Manuel Rivas, o autor de A lingua das bolboretas e O lapis do carpinteiro, non foxen da realidade senón que procuran máis e máis: ¡Máis realidade!A memoria viaxa no lombo da linguaxe. Os recordos aquí non son pasado. Serven para a restauración da vida por medio tamén das sensacións e dunha mirada táctil. A vida concibida como unha sucesión de chamadas, das que as máis importantes son as que quedan no aire, aquelas coas que non establecemos contacto. O impacto destas perdas fai cambalear a existencia cotián. Esa excitación, ese erguerse na caída, é o punto de partida deste libro emocionante.
Estamos ante un realismo íntimo, onde golpea o abraio e a sorpresa, pero que refuga a convención do máxico . Pola contra reclama máis e máis realidade: a que se oculta, agocha ou se disfraza. A literatura ven ser a nosa intrahistoria, e o camiño que aquí vai abrindo a escritura semella un paso clandestino, con tramos inquietantes, que nos leva á paisaxe da emoción.Os vintecatro relatos de As chamadas perdidas rebélanse contra a fatalidade. Os personaxes loitan, corpo a corpo, contra a tristeza e a soidade. Fanse fortes co seu fío de esperanza e coas súas puñadas de humor e ironía. Cada relato parte dunha dimensión social que ser ve ao autor para expresar o ámbito persoal máis có colectivo. Esa viaxe interior dos personaxes avanza paralela a únha viaxe interna do libro, estructurado ao xeito dunha mar aberta, desde contos dunha factura máis clásica a outros máis experimentais.
Son contos moi cinematográficos, escritos coa mestría característica da prosa de Manuel Rivas.
Que foi o que máis che chamou a atención dos contos canto á vida dos anos 60?
Ves moitas diferenzas respecto a hoxe en día?

Memorias dun neno labrego

"Eu son Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre".
Así comezan as reflexións do neno protagonista, que conta neste diario as súas experiencias, facéndonos partícipes delas a cada momento, xa que nos sentimos fácilmente implicados na súa historia, contada de forma sinxela, pero con moito transfondo social.
Neste libro represéntanse claramente os problemas existentes na Galicia rural daquela época, sendo un deles a emigración, que se desenvolve cando Miguel marcha para América (pode ser o mellor camiño, ou unha falsa salida). Vemos dúas posturas diferenciadas respecto a este problema.
A escola é frustrante e non abre moitos camiños. O tema da lingua e do entendemente aparece moi ben representado na figura do maestro andaluz que non os entende nin os alumnos o entenden a el.

Este é un texto clásico da literatura galega, que xa víu máis de 20 edicións nos últimos 30 anos, e que tira de cada volta uns 4.000 exemplares; pero non por iso os seus temas deixan de estar de actualidade e de facer que nos emocionemos ao lelo. É un testimonio dunha Galicia viva, desde a perspectiva dun neno que foi medrando.
Como o ves ti? Cal cres que é a razón do seu éxito?

jueves, 12 de junio de 2008

Calzados Lola


Calzados Lola é un relato mítico de iniciación no que o heroe e tamén a heroína, teñen que andar un camiño para gañar un coñecemento, que é saber quen son eles verdadeiramente, a través de coñecer a súa historia familiar oculta. En Calzados Lola relátanse varias investigacións: a do desfalco dunha empresa, a dun pasado familiar, a de como construímos a nosa identidade...


Varias historias contadas e suxeridas, vidas veladas, o desvelamento da vida, o pasado e o presente, os pais e os fillos e os avós, os vivos e os mortos.... Unha viaxe á orixe, unha escapada. O odio e o amor, a morte e a resurrección. Dúas novelas, unha de suspense e acción que nos arrastra na súa viveza, e outra densa e fonda que conta a crise, esfarelamento e reconstrucción da identidade persoal.


Un libro que conta, coa sensibilidade de hoxe, historias tan vellas como a xente. Cando o leas, seguro que che suxire moitas cousas e fomenta a túa capacidade de reflexión. Queres deixar aquí un comentario sobre o que pensaches ao rematar de lelo?

Brooklyn Follies

Natham Glas ten sesenta anos, está divorciado e padece cancro de pulmón; anda á procura dun sitio tranquilo para morrer e alguén lle recomenda Brooklyn. Alí volve a atopar o que xa daba por perdido: a emoción da amizade, a paixón do amor e a capacidade de reinventarse a si mesmo. Nunha novela chea de sorpresas, Paul Auster (New Jersey, 1947) conxuga brillantez, humor e axilidade narrativa para explorar as encrucilladas da vida, os puntos de inflexión nos que aínda é posible recuperar a liberdade e desmentir o destino.


Sabías da boa aceptación que tivo Paul Auster con este libro en galego? Galaxia leva vendidos moitos exemplares, e foi un dos libros máis lidos no ano 2006.




Anímaste a lelo? É unha novela chea de sorpresas na que a carón da cidade de Nova York aparecen os EEUU do fanatismo relixioso e o mundo idílico da sociedade rural como dúas caras da mesma moeda.

miércoles, 11 de junio de 2008

O catecismo do labrego

O Catecismo do Labrego,de Valentín Lamas Carvajal aparece aquí na súa primeira edición no xornal O Tío Marcos d´a Portela.
É unha das obras clave, neste caso en prosa,do Rexurdimento galego, que anuncia o movemento agrarista que nacerá poucas décadas despois.
Valentín Lamas Carbajal chegou con este libro a acadar as 13 edicións (en vida do autor), o que constitúe todo un logro se pensamos na época na que aconteceu, o século XIX.

É unha divertida comedia do "Catecismo de la doctrina cristiana" do Padre Astete: un texto relixioso ben coñecido polo público da época polo feito de ser de obrigada lectura.

Queres coñecer un pouco máis da situación de asoballamento á que estaban sometidos os labregos do século XIX?. Aproxímate á obra e veras como descobres cousas que che han interesar.